08/11/21 Obradoiros da Fundación Jane Goodall no IES Espiñeira

Hoxe representantes en España da Fundación Jane Goodall, visitáronnos para facer os tan necesarios obradoiros medioambientais con todo o alumnado de ESO. Dado que no IES Espiñeira coidamos especialmente a nosa relación co planeta e cos nosos compañeiros os animais, acollemos este tipo de iniciativas que nos brindan as asociacións con grande interese e entusiasmo.

Obradoiros coma estes da Fundación Jane Goodall, no só forman ao noso alumnado, cubrindo unha parte do currículo educativo aínda precaria ou ausente, senón que tamén son motivadores para implicarse e tomar parte na carreira cara á conservación do noso fogar cósmico.

Este luns Marisa e Bea achegáronnos a unha realidade, en certo modo descoñecida debido á nosa incapacidade social de conectar con asuntos de vital importancia para a saúde do planeta e todos os seus habitantes. Fixéronnos reflexionar sobre aquelo que deixamos de facer ou incluso que facemos mal, pero tamén, reconfortáronnos poñendo énfase no que xa facemos e facemos ben. O noso alumnado agradece ver cómo o seu esfuerzo individual tradúcese en esperanza e a importancia que a súa aportación cobra na engranaxe do activismo. Dúas anécdotas que de seguro quedarán como lembranzas motivadoras: o feito de ter sido recoñecidos polas compañeiras xa como “activistas medioambientais” polo que estamos comezando a facer, e ter aprendido un pouquiño sobre a linguaxe do chimpancé e a verdadeira causa do seu “aparente e malinterpretado sorriso” que nos axuda a empatizar, se cabe, aínda máis con el.

Dende o IES Espiñeira agradecemos a colaboración da Fundación Jane Goodall con estes obradoiros e as súas campañas que tanto aportan no ámbito educativo, e animámolos a continuar con este importante labor didáctico, pois con razón se di que a educación é o motor do cambio e nela debe xerminar a esperanza dun futuro mellor.